Monday 20 de May de 2024

O Concello de Frades programa unha visita á Coruña, obradoiros e a actuación do pallaso Popin para as vacacións de Semana Santa


O Concello de Frades ten programadas dúas xornadas especiais para os máis pequenos da casa coincidindo coas vacacións escolares da Semana Santa. Así, o martes 11 de abril ten programada unha saída cultural e de ocio á cidade da Coruña, mentres que o mércores 12 de abril ten prevista unha tarde de música e obradoiros de Pascua no multiúsos.

A saída á Coruña ten un prezo de 5 euros empadroados (10 euros non empadroados) e inclúe un amplo programa para todo o día. O autobús sairá ás 10:00 horas de Frades para visitar a Casa das Ciencias e o Planetario. Despois, os excursionistas desprazaranse ao centro comercial Marineda City, onde terá lugar un xantar libre e non incluído no prezo. Pola tarde, nova visita cultural ao Museo de Belas Artes da Coruña.

As inscricións poden facerse no Concello de Frades ou nos teléfonos 981 695 567 e 981 695 663 antes do venres 7 de abril. Os menores de 12 anos teñen que ir acompañados por un adulto mentres que os mozos e mozas de entre 12 e 18 anos precisarán de autorización asinada polos seus pais/nais/titores.

Para o mércores 12 de abril, o Concello de Frades ten preparada unha xornada de ocio gratuíta no multiúsos de Frades. A xornada comezará ás 16:30 horas coa actuación do Pallaso Popin, cun espectáculo humorístico cheo de ocorrencias, descaro e interacción co público. Máis tarde, obradoiros de pascua e merenda con chocolate. A participación é totalmente de balde, se ben por razóns de organización é preciso anotarse no Concello antes do 10 de abril. Os menores de 4 anos deberán ir acompañados por unha persoa adulta.